Morreu Xesús Mato, creador de Fuxan os Ventos e Auxilia, Medalla Castelao e Fillo predilecto de Paradela
Esta madrugada faleceu en Lugo Xesús Mato Mato, creador de Fuxan os Ventos e Auxilia, Medalla Castelao e Fillo predilecto do Concello de Paradela. Cumprira 91 anos o pasado outubro. Crego e musicólogo desenvolveu un moi importante labor investigador e de recopilación de música tradicional galega, escribiu o poema "Fuxan os ventos", púxolle música e impulsou o grupo musical que logo levou ese nome e entrou na historia da música deste país, como despois tamén animou o nacemento do grupo "A Quenlla". Creou coros xuvenís, dirixiu a Schola Cantorum do Seminario de Lugo e o Orfeón Lucense.
Foi crego en Lalín onde fundou a Polifónica e a emisora de radio. En Radio Popular de Lugo foi asesor relixioso, creador das misas en galego pola radio, e director de programas relixiosos e sociais. Colaborou en El Progreso, La Voz de Galicia e Galicia Digital con artigos de temas socio-relixiosos e sobre o Camiño de Santiago.
Durante un cuarto de século atendeu parroquias da montaña lucense, onde recibiu unha homenaxe multitudinaria dos seus feligreses. Lucense do Ano, homenaxeado pola Cruz Vermella de Sarria e galardoado cos Premios María Castaña e Moncho Valcárce, o Orfeón Lucense impúxolle a insignia de ouro e o seu concello natal, Paradela, nomeouno Fillo Predilecto. Obtivo a primeira Medalla Castelao concedida por petición popular, co apoio de máis de dúas mil cincocentas persoas e institucións. Máis dun cento de amigos participaron en cadanseu libro homenaxe cando cumpríu os 75 e os 90 anos de idade.
A capela ardente está instalada no Tanatorio de Paradela, de onde partirá a comitiva fúnebre mañá, mércores, ás cinco da tarde, ata a igrexa de San Nicolás de Portomarín onde, á chegada, se celebrará o funeral e, a continuación, a conducción ao Ceminerio municipal para ser soterrado no panteón familiar.