• Galego
  • Español

Gastronomía

Vostede está aquí

Os pratos desta zona teñen na súa base, como non podía ser doutro xeito, os ingredientes das recoñecidas dietas atlántica e mediterránea. Esta terra tan sa e viva regala verduras e hortalizas dun sabor que non deixan a ninguén indiferente.

O cocido cos seus grelos ou repolos, acompañado de produtos do porco, criado con agarimo e esmero, que se nota no sabor da súa carne e do que se aproveita todo, a tenreira galega que saben preparar tan ben os establecementos da zona así como a caza en tempada, pódeos atopar en calquera dos restaurantes do municipio a uns prezos para todos os petos.

E que dicir da castaña?

Agochada nos seus ourizos podemos degustala asada ou cocida, soa ou remollada en leite, no caldo.... substitúe en ocasións á pataca, podemos preparala en marmeladas, cremas, xeados, tortas, glaseada e acompaña tanto a pratos doces como salgados.

O polbo

Este cefalópodo non falta en ningunha feira da zona, pódese preparar de tantas formas! á prancha, "á feira", á mugardesa.... O ideal é acompañalo con patacas e/ou pan, se é estilo "feira", as mans áxiles d@s pulpeir@s córtano recén saído da pota de cobre e preséntase en prato redondo de madeira cun chorrito de aceite de oliva e pemento. Tamén se pode preparar acompañado de crema de pataca e aceite de pemento picante.

Os viños

Este Concello pertence á Ribeira Sacra, onde os viñedos en bancais situados nas ladeiras das montañas regálannos unha das cinco denominacións de orixe vinícolas que existen en Galicia.

Sobre as sobremesas

A torta de Paradela é fina ao padal, ideal para sobremesa ou merenda, pódese acompañar dunha cunca de chocolate frío ou quente con tona.

Outras sobremesas locais poden ser a mazá preparada en compota ou confeitura, sobre unha tosta de pan de Paradela, en torta con follada, crúa, asada ou glaseada. Tamén é ideal para acompañar pratos de caza, aves ou porco.

Concello de Paradela