• 28 Sep 24

Lembranza de Xesús Mato e nomeamento do Centro Polifuncional de Paradela (28/09/2024)

Palabras da Alcaldesa, Montserrat Mulet

Bo día e boa Festa do Maior en Paradela, amigas e amigos, desexamos a todos os presentes, desde o Concello que me honro en presidir.

Benvidos sexades todos os participantes na Festa… En primeiro lugar, os maiores que nos dades exemplo vital… E logo as autoridades, os amigos, a Banda de Paradela, veterana e moza… unha das máis antigas da provincia de Lugo, na que a xente nova ten un principal papel.

E unha benvida moi especial tamén aos compoñentes do Orfeón Lucense, coro oficial da Catedral de Lugo, que foi dirixido polo noso veciño Xesús Mato, e desde hai anos dirixe com singular acerto Marcos Manuel Fernández Mosquera… Orfeón que hoxe quixo estar aquí para honrar ao seu antigo director, ao home que mereceu a Medalla Castelao, que foi Fillo predilecto do Concello de Pararela, Xesús Mato Mato, e que foi -por riba de todo- o noso veciño, e amigo de todos nós.

As nosas festas do Maior son anuais homenaxes aos paradelenses veteranos, que construíron as realidades do pobo e o Concello que hoxe temos, e merecen o noso permanente recoñecemento e homenaxe.

E dentro desta festa, desta homenaxe xeral, hoxe queremos destacar a un dos primeiros paradelenses, un dos máis sobranceiros entre todos nós, XESÚS MATO MATO, que nos deixou físicamente o pasado mes de febreiro, despois dunha vida plena dedicada á Igrexa, á música, aos máis desfavorecidos, a Paradela e a toda Galicia.

Por iso, esta festa dedicámola ao noso especial veciño XESÚS, amigo de todos nós, que deixou unha herdanza extraordinaria que toda Galicia desfrutou, e nós especialmente porque nos cadraba moi de preto -era da casa- este home extraordinario que merece lembranza permanente nos nosos pensamentos e tamén de xeito exterior, palpable, para deixar constancia da querenza que todos nós temos por este crego, musicólogo, escritor e pensador, polo que fixo polo noso Concello e por Galicia, pola trascendencia do seu traballo en calquera dos ámbitos do saber.

Para que da lembranza de Xesús Mato quede constancia en Paradela, e precisamente neste edificio no que el viviu connosco similares celebracións, momentos ledos e momentos difíciles pola perda de persoas queridas de todos, o Concello de Paradela vaille dar o nome de XESÚS MATO MATO a este centro polifuncional, e a placa que o acreditará témola aquí diante, e será colocada no seu lugar no momento en que se completen os trámites administrativos para cumprir coa normativa en vigor, quedando a placa, en tanto eses trámites se completan, na sede do Concello, procedendo finalmente á súa colocación na entrada deste recinto.

Quede, pois, constancia de que este Centro polifuncional da capital do concello de Paradela, desde hoxe ten nome propio, e este será XESÚS MATO MATO. Polo tanto, desde agora, cando aquí se celebre calquera acto ou acontecemento, convocarémosvos ao CENTRO XESÚS MATO MATO, que seguirá a ser lugar de acollemento, marco de grandes celebracións, multiusos onde é posible reflectir a ledicia, o traballo, o esforzo e a vida das xentes de Paradela, pero xa con nome de paradelense ilustre, ao que quixemos e admiramos en vida, debendo agora manter viva a súa lembranza  coa placa que nos recibirá ás portas desta instalación.

Quero agradecer a todos a entusiasta participación en todas as Festas do Maior, e especialmente en esta; agradecemento aos  compañeiros, membros da Corporación, ás autoridades que nos acompañan, aos sacerdotes oficiantes… á Banda de Paradela e ao Orfeón Lucense, e a todos os familiares e amigos que participarán neste acto coa súa palabra en homenaxe ao amigo Xesús, que veñen a Paradela lembralo para poñer de manifesto, precisamente aquí, na súa terra, a devoción e o agarimo que despertou en todos eles.

Este de hoxe é un acto de xustiza a un home que honrou a nosa terra, e por iso merece a nosa lembranza, precisamente nunha xornada na que nos sentimos máis ledos por celebrar a vida dos nosos maiores, participando nesta celebración de homenaxe anual aos que serviron a Paradela durante toda a súa vida.

Grazas a todos pola vosa presencia, feliz festa para todos, e que a lembranza de Xesús Mato, que estará sempre presente neste centro que leva o seu nome, nos una a todos nunha Partadela cada vez máis culta, máis unida e máis próspera.

Palabras de Xulio Xiz

Lembramos a Xesús Mato, xigante de Paradela, descubridor de mundos; conquistador irrrefrenable de milleiros de persoas, que fixo seus amigos; que nos fixo seus amigos. Tiña o don de facer amigos. E de facer o ben. E do milagre da música.

E falo no nome destes amigos; de  todos; devotos dun home sinxelo, humilde e grande, traballador, entusiasta, estudioso, escritor, músico, escoitador… sensible, garimoso, popular… crego por riba de todo. Cercano, sanador de almas e conciencias, redentor dos que sufrían, forte diante dos poderosos, pequeno cos nenos, rapaz cos rapaces, vello sabio cos vellos…

Podía pensarse que Mato nacera para escoitar, para aconsellar, para axudar. Pero tamén para decidir, para pedir, para protestar, para berrar cando facía falla… Era un galego consciente, ilusionado, sabio, con visión de futuro, asunción do pasado, con vontade de redención do presente.

Para os amigos, Mato era o mellor amigo; comprensivo, sereno, entregado, xeneroso, boa xente; como dicía don Antonio Machado, “en el mejor sentido de la palabra, bueno”.  Era un home intelixente, traballador e bo, que se entregou aos demais porque asumiu que o seu país necesitaba servidores, e estaba disposto a ser o primeiro para que todos os que o coñecesen imitasen a súa xenerosidade e a súa entrega.

Xesús Mato chegou ás nosas vidas -no meu caso cando eu era moi novo- para non irse nunca.  Entre outros moitos mundos descubriunos esta terra. Era un home de Paradela -amaba a terra e as xentes-, que se converteu nun home de Deus. E a nós cómprenos lembralo e imitalo. Cada quen, nas súas posibilidades, no seu traballo, na súa familia, no seu país… Imitalo aínda sabendo que nunca poderemos chegar ao seu exemplo.

Xesús sorriría admirado e agradecido de que este centro vaia levar o seu nome. E o mesmo que lle dicía cando a veces protestaba polas atencións que recibía, dígolle, agora na distancia: Hai que deixarse querer Xesús… Cando che fan isto, por algo será… “De Paradela ao ceo”, no teu caso é verdade. Tíñalo ben gañado. Míranos aquí a todos… Isto é para ti. Se todos nós sabemos querer, ti es o responsable. Tés que deixarte querer.