MANUEL O. RODRÍGUEZ LÓPEZ, O POETA DE PARADELA NO MUSEO DO POBO GALEGO
O Museo do Pobo Galego acolle desde o día 9 de abril ata o día 4 de maio a exposición “Manuel Oreste Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro”. Esta mostra chega a Compostela tras percorrer Paradela, Lugo, Begonte, Sarria e Portomarín. No mes de maio continuará o seu periplo en Barcelona, lugar onde o poeta residiu e escribiu boa parte da súa obra.
No acto inaugural, promovido pola familia do escritor e Galicia Digital, participaron o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o alcalde de Paradela, Xosé Manuel Mato e a viúva do escritor.
A exposición recolle de forma gráfica, a través de diversos paneis, a traxectoria vital e literaria do escritor, información que se pode complementar para os que así o desexen coa recollida na web www.manuelrodriguezlopez.org.
Esta exposición foi posible grazas ao a apoio de diversas entidades: Concello de Paradela, Concello de Lugo, Deputación Provincial de Lugo (Vicepresidencia) e as Secretarías Xerais de Política Lingüística e Cultura da Xunta de Galicia. E, neste caso, para a súa exposición en Compostela, coa colaboración do Concello de Santiago e o Museo do Pobo Galego.