A Xunta cumpre o seu compromiso e comezará a pagar o Bono Coidados no Fogar e o complemento ao Bono Residencial a primeiros de xaneiro
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde coas novas medidas para a mellora da atención á dependencia: o Bono Coidados no Fogar e o complemento económico para as persoas que xa teñen un Bono Residencia. Máis de 30.000 galegos, sen importar o seu grao de dependencia e ingresos económicos, recibirán de maneira automática os primeiros pagos o vindeiro mes de xaneiro, sen necesidade de que teñan que facer ningún trámite administrativo. Estes primeiros pagos que a Xunta fará efectivos correspóndense coa nómina deste mes de decembro.
Coa publicación e entrada en vigor de esta orde, o Executivo autonómico cumpre co seu compromiso de seguir mellorar os coidados no ámbito da dependencia. Destínanse máis de 150 millóns de euros ao ano a estas dúas medidas que converten a Galicia na primeira comunidade autónoma que emprende o camiño cara á universalización dos coidados. O Bono Coidados no Fogar é unha axuda de 5.000 euros anuais para todas as persoas con dependencia que son atendidas nas súas casas, xa sexa por un familiar, un veciño ou calquera outra persoa da súa confianza. Pola súa parte o complemento para todas aquelas que xa contan co Bono Residencia é de 1.200 euros ao ano.
Na actualidade, Galicia supera a cifra dos 73.000 persoas dependentes atendidas. Isto é: máis do 97% das persoas que teñen recoñecida a súa dependencia reciben coidados e prestacións económicas, dez puntos por riba da media nacional.