• 26 Feb 13

O ENTORNO DOS RÍOS LOIO E RUXIDOIRA É DECLARADO ESPAZO NATURAL DE INTERESE LOCAL

O Consello da Xunta vén de declarar o espazo Loio-Ruxidoira como Espazo Natural de Interese Local tal e como se recolle no DOG nº 38 de 22 de febreiro de 2013. Este ENIL é o primeiro da provincia de Lugo e o segundo de Galicia despois da marisma de Xunqueira de Alba (Pontevedra). Ten unha superficie de 437 hectáreas que se localizan nas parroquias de Loio, Castro San Martiño, Cortes, Castro (San Mamede), Laxe, Suar, San Miguel, Vilaragunte, Francos, Barán e Ferreiros.

 

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define os espazos naturais de interese local  como lugares singulares que merecen algún tipo de protección dos seus valores naturais. O interese do espazo Loio-Ruxidoira radica na gran diversidade de especies que habitan un bosque de ribeira extenso e en bo estado de conservación que se alterna con amplias áreas de carballos e castiñeiros. Hai estudios que sinalan ata 22 especies protexidas por algunha Directiva Europea, entre as que destacan varias especies endémicas de Galicia e da Península Ibérica. Neste lugar non só podemos ver bidueiros, amieiros ou salgueiros, tamén podemos atopar carballos e castiñeiros centenarios. Este tipo de bosques teñen un microclima que favorece a existencia dunha amplia variedade de especies de fauna e flora, no entorno do río poderemos atopar, entre outras moitas especies: ourizos, píntegas, limpafontes, rás verdes, lagartixas galegas, lagartixas dos penedos, lucións, toupas, furafollas, morcegos, armiños, donicelas, londras, …etc. E tamén numerosas aves como miñatos, gatafornelas, falcóns pequenos, paspallás, rulas, cucos, lavercas, paporrubios, reiseñores da auga, bufos pequenos...etc. e algún que outro raposo, corzo, porco bravo ou gato bravo.

 

Ademais, neste territorio hai abundante patrimonio histórico-etnográfico. No sendeiro PRG-14 que atravesa o ENIL podemos ver varios muíños, entre eles destaca o muíño da Retorta, que acaba de ser restaurado. Tamén están documentados varios mosteiros na edade media. De Sta. María de Loio, lugar onde se funda a Orde dos Cabaleiros a Santiago, aínda se poden ver algúns restos entre as matogueiras de acivros, de novo unha especie en perigo de extinción e catalogada como especie protexida.