• 18 Jun 12

NOMEAMENTO DE DIEGO LÓPEZ COMO FILLO PREDILECTO

O Concello de Paradela entregou o día 16 de xuño ás 20:30 h no Centro Sociocultural Manuel Oreste Rodríguez o título de Fillo Predilecto do Concello de Paradela, máximo recoñecemento do Concello de Paradela, ao futbolista de primeira división Diego López Rodríguez, que naceu en Paradela o 3 de novembro de 1981.

 

A súa designación como Fillo Predilecto basease nos seus numerosos méritos deportivos. Durante a súa longa traxectoria futbolística xoga na Sarriana e no Club Deportivo Lugo, con 18 anos é fichado polo Real Madrid onde é porteiro en categorías inferiores e máis tarde suplente de Iker Casillas no primeiro equipo. Ademais estivo cedido ao Alcorcón e o Castilla.

 

Na temporada 2007/2008 é fichado polo Villareal, sendo elixido ese ano pola web oficial da UEFA como o porteiro revelación do campionato español. A tempada 2008/09 consolidouse como gardameta titular do submarino amarelo e converteuse nun dos porteiros máis destacados do fútbol español, feito que lle abriu as portas da selección española. Ademais, é convocado nos encontros que disputa a selección de Galicia. O 20 de marzo de 2009, foi convocado por primeira vez para xogar un dobre partido contra Turquía correspondente á clasificación para a Copa Mundial de Fútbol de 2010. Así mesmo estivo entre os 23 elixidos para disputar a copa FIFA Confederacións 2009 en Sudáfrica. O 12 de agosto de 2009 debutou coa selección Española nun partido amistoso fronte a Macedonia, gañando España 2-3. Acaba de ser fichado polo Sevilla para as próximas cinco tempadas.