• 09 Apr 24

Funeral en Paradela por Santiago Rodríguez, e entrega á familia do título de Fillo Adoptivo do Concello

INVITACIÓN DA ALCALDÍA A TODOS OS VECIÑOS

Como xa sabedes, o pasado 19 de marzo faleceu en Bristol (Reino Unido) o catedrático e investigador SANTIAGO RODRÍGUEZ LÓPEZ, fillo do escritor paradelense que da nome ao Centro Socio-Cultural e ao Certame Literario, Manuel Oreste-Rodríguez López.

Dous días despois do seu pasamento, o Pleno do noso Concello declarouno por unanimidade : “FILLO ADOPTIVO DE PARADELA”, polo seu especial vencello a esta terra e o continuado apoio ás nosas actividades culturais.

O próximo martes 16 de abril ás 18:00 h. No centro multiusos de Paradela , imos celebrar na súa honra un acto solemne, relixioso e civil. A misa estará oficiada polo Vicario Xeral da Diócese, o Coengo prefecto de música da Catedral, o Vicario Xeral Diocesán e os párrocos de Paradela e Portomarín, e será cantada polo Orfeón Lucense, Coro da Catedral de Lugo.

No acto civil, que contará co acompañamento de membros da Banda e Gaiteiros de Paradela, faráselle entrega oficial á viúva e ao fillo de Santiago Rodríguez, do título de “FILLO ADOPTIVO DE PARADELA”, a título póstumo.
Finalmente, as súas cinzas serán soterradas no Panteón de Paradelenses Ilustres, para que descanse á beira do seu pai, Fillo Predilecto de Paradela.

No meu nome e no nome do Concello, teño a honra de invitarvos a todos a participar nestes actos, para honrar na súa volta definitiva a Paradela ao destacado paradelense de adopción, que tanto nos honrou en vida e que él e a súa familia elixiron como lugar para fundirse coa terra e coa historia.

Agradecida pola vosa asistencia, a vosa Alcadesa.

Descargar invitación (PDF)