A Xunta financia con 66.300 euros un punto limpo móbil para mellorar a xestión de residuos en Paradela
A Xunta de Galicia financia con 66.300 euros a posta en funcionamento dun punto limpo móbil para mellorar a xestión de residuos no municipio de Paradela.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o novo equipamento adquirido polo Concello con cargo á orde de axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para municipios de menos de 3.000 habitantes. Na visita estivo acompañado polo alcalde, José Manuel Mato Díaz.
Co novo servizo mellórase e amplíase a xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización. De xeito paralelo, tamén se evita a proliferación de puntos de vertido incontrolado nas contornas e espazos naturais.
Esta convocatoria de axudas da Xunta cobre o 100% do custo da compra do vehículo, cun máximo de 70.000 euros para unha solicitude individual e de ata 100.000 euros para unha agrupación de varios concellos.
Os beneficiarios teñen a posibilidade de escoller entre catro modelos de vehículos subvencionables: un contedor/caixa metálica de gran volume —se a entidade local dispón de camión adaptado con equipo de gancho para a súa carga e traslado—; un remolque e contedor metálico de gran volume —cando o concello dispón dun camión adaptado para a súa carga e traslado—; un camión con caixa e chasis; ou unha furgoneta adaptada con diferentes contedores ou compartimentos.
Os equipos móbiles veñen a completar a rede autonómica de puntos limpos, co fin de que toda a cidadanía poida ter acceso ao servizo. A través da convocatoria deste ano, a Xunta concedeu 12 axudas por un importe próximo aos 660.000 euros para a adquisición de puntos limpos móbiles por parte de 17 concellos lucenses. Así, beneficiáronse tamén As Nogais, Baralla, Folgoso do Courel, Trabada, O Páramo, Begonte, Abadín, Bóveda, Becerreá, Antas de Ulla e a agrupación conformada por A Pontenova, A Pastoriza, Meira, Riotorto, Pol e Ribeira de Piquín.
Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta vén de convocar esta mesma semana unha nova orde de axudas para a recollida de residuos domésticos especiais a través da cal se poderá financiar, entre outros proxectos, a implantación de puntos limpos móbiles. Cunha dotación de 2,2 millóns de euros, o prazo para poder acollerse a esta liña de subvencións estará aberto ata o vindeiro 31 de xaneiro.