Entrega das MEDALLAS DE OURO de Paradela
Mañá, venres, trece de xaneiro, vaise celebrar o acto da entrega das dúas MEDALLAS DE OURO DE PARADELA, concedidas polo Pleno do Concello en maio de 2022 a ROCÍO DOMÍNGUEZ BREA e RAFAEL FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, polo seu determinante papel para atopar a dúas veciñas desaparecidas o 15 de decembro de 2021.
Rocío Domínguez, Presidenta da Asociación de Mulleres de Paradela, e Rafael Fernández, Garda Civil de Portomarín, colaboraron de forma decisiva na localización de dúas veciñas de Paradela – nai e filla, de 90 e 65 anos – que saíron en coche do seu domicilio, e foron atopadas horas despois desorientadas á beira do río Loio.
Como recoñecemento a estes dous exemplos de colaboración, o Concello de Paradela, a proposta do Alcalde José Manuel Mato Díaz, concedeulles cadansúa Medalla de Ouro, que lles será entregada no acto que se enmarca no Bicentenario do concello, a celebrar ás oito do serán no Centro cultural “Manuel Rodríguez López”, acto ao que se invita a todos os paradelenses.
Neste acto intervirá o Alcalde, José Manuel Mato Díaz, destacando o papel dos homenaxeados na emerxencia social de decembro de 2021, darase lectura ao acordo de concesión, entregaranse as Medallas e respostarán os galardoados. O comezo estará marcado pola “Marcha solemne do antigo Reino de Galicia” e pechado polo Himno Galego, que interpretará un Grupo de músicos da Banda de Paradela, que este 2023 celebra os 150 anos de existencia, dirixido polo titular da agrupación, Martín Vázquez García. Ademais do director (trombón), actúan Jesús David Álvarez Peña (bombo), José Antonio Salvador López (caixa) e Marisol López Arias (saxo).