A RUTA DO LOIO, comeza na capital do municipio, a carón das piscinas municipais, e remata na parroquia de San Xoán de Loio, á beira das augas do pai Miño.
Pódese facer tanto a pé coma en bicicleta, cunha distancia de 7 quilómetros, e unha duración de tres horas aproximadamente.
Comezamos o camiño en Ruxidoira, o pé do Muíño do Cabo, aínda que tamén podemos iniciar a ruta dende outros dous puntos: o parque que está detrás do parque de Saúde e dende Rodillón.
A poucos metros das piscinas, atópase un pequeno muíño restaurado, o Muíño do Cabo e a Ponte do Muíño que cruza o río. Continuando na ruta, xa se oe o ruxir das augas da fervenza que se pode admirar dende a Ponte da Fervenza.
Seguimos a viaxe atravesando un entorno paisaxístico inigualable, ringleira sen fin de árbores de idade, cores verdes e augas cristalinas, natureza en estado puro.
Se temos sorte podemos atopar no noso camiño compañeiros tan singulares coma son os corzos, os xabaríns, as donicelas…
Cando levamos quilómetro e medio percorrido atopámonos coa encrucillada onde se unen os tres camiños: o que levamos, o da entrada polo centro de saúde de Paradela e o da entrada por Rodillón. Máis adiante, a uns metros, podemos descansar para beber algo de auga fresca na Fonte situada a 150 metros do paseo a man esquerda. Continuando a viaxe pasamos a poucos metros do Muíño de Pías (150 metros pola dereita baixando ata o río). De volta na senda, imos en busca do Loio, ata cruzalo na Ponte da Retorta.
O camiño continúa entre ameneiros, salgueiros e carballos, ademais dos emblemáticos e ameazados acivros, ata chegar ó quilómetro 1,9 onde se observa un impoñente Carballo Milenario, ó pé da ruta.
Seguimos descendendo cara ó río para chegar ó Muíño da Retorta, cruzando a Ponte do Muíño da Retorta. Este é o máis grande dos muíños que hai na ruta, con catro pedras de moer. Alí atoparémonos cunha nova sorpresa, unha fervenza.
Percorridos xa 2,5 quilómetros da ruta, entre pastos e fincas antigas chegamos á encrucillada que nos levaría a Suar. Nós continuamos a senda da dereita, por un fermoso vieiro cheo de encanto, cruzando fermosas fragas de castiñeiros engaiolados co son do río cantareiro, ata acceder á Ponte de Portocaneiro.
A 200 metros á esquerda da ruta podemos visitar o Muíño de Sucastro, xa levamos 4100 metros percorridos nos que con algo de sorte albiscariamos varios tipos de paxaros.
De volta na ruta, imos deixando atrás o Loio ata chegar á Capela de San Berto, Portocaneiro. Pasada esta, accédese a un fermoso corgo mediante banzos instalados na parede que nos levan a un novo camiño de carro con vistas ó máis profundo da ribeira e ó pobo de Igón.
De novo volvemos a ruta para avanzar ata o desvío que nos leva ó lugar das Ruínas do Mosteiro de Santa María de Loio, lugar onde se crea a Orde Militar dos Cabaleiros de Santiago, 12 cabaleiros que no ano 1170 fixeron un xuramento para protexer ós peregrinos dos asaltos dos infieis. Consérvanse unicamente restos de edificacións e escaleiras, así como un sarcófago e a capela, Sta. María de Loio (Cortes), recentemente restaurada.
O tramo final do senda leva ata a estrada LU-633, fronte a dous restaurantes: O mesón do Loio e Río Loio - Restaurante O Roberto, onde se poden repoñer forzas coas anguías e as troitas, e mesmo admirar as impresionantes vistas das augas de Belesar.
Respira, sinte e toca as marabillas nesta rota.
Escoita as augas revoltosas das súas fervenzas e párate nos seus muíños. O río non é rencoroso e aínda que nós empeoremos a súa saúde, él mellora a nosa.
Goza de todas as plantas sen matalas, son verdadeiras boticas para a nosa saúde.
Cada vez que camiñas por un sendeiro estás a salvar vidas.
Non molestas ós animais do bosque, están no seu refuxio que tamén é o teu. Non te gustaría que estragasen a túa casa ou que te molestasen mentres dormes a sesta, non sí? Pois a eles tampouco.
Non te deixará indiferente o habitante más vello da rota. Este carballo milenario e os seus veciños escoitaron historias de vida, de misterio, divertidas ou se cadra de amor....
© Concello de Paradela
Política de privacidade e Aviso Legal
GaliciaDigital, 2018-2023